Integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña veñen de manter unha reunión cos Comités de Empresa da factoría de Alcoa e empresas auxiliares, na que lle amosaron e tarsladaron, de novo, todo o seu apoio na loita que veñen mantendo nos últimos meses, polo mantemento de preto de mil postos de traballo e pola continuidade da fábrica de aluminio.
A Plataforma Sanitaria adhírese unha vez máis ás reivindicacións da industria do aluminio da Mariña e fai un chamamento a veciños e veciñas da comarca para que acudan á manifestación que o vindeiro sábado día 24 sairá ás 11 horas do edificio multiusos da Xunta de Galicia , en Lugo, e rematará diante da subdelegación do goberno.
Segundo declaran dende a Plataforma Sanitaria, a industria do aluminio é unha “actividade estratéxica” e “debe seguir producindo aluminio, e alúmina nesta comarca; non se entendería que os gobernos da Xunta e do Estado permitisen que unha multinacional ,que se estivo a beneficiar durante moitos ano de subvencións libres de polvo e palla, sen prácticamente facer investimentos, fixera efectiva unha fuxida previa parada das cubas, deixando na rúa a preto dun milleiro de familias e cun impacto brutal sobre a economía da Mariña”.
A Plataforma defende o futuro da comarca mariñá que, “en gran medida” depende desta industria. “Debemos lembrar que representa preto do 30% do PIB da provincia”, advirten, “perder esta industria significaría a desertización industrial da comarca, obrigando a gran parte da poboación á emigración”.