A plataforma sanitaria da Mariña e o Concello de Viveiro convocan unha concentración pola situación do centro de saúde

A plataforma sanitaria da Mariña vén de convocar, xunto co Concello de Viveiro, unha concentración diante do Centro de Saúde en resposta “á grave situación que está a sufrir a Atención Primaria na comarca” e o Centro de Saúde de Viveiro. Ambas fan un chamamento a toda a poboación para que acuda á concentración, que baixo o lema “Paremos a destrución da Atención Primaria”, pretende encher a rúa diante do centro de saúde o vindeiro domingo 19 de novembro ás 11:30 horas.

Dende a plataforma sinalan que “a situación, que podemos cualificar de extremadamente grave, leva xestándose durante anos, mais desde o pasado día 2 de novembro volveuse insostible ao quedar o centro de saúde con dúas facultativas de familia das sete que conforman a plantilla en quenda de mañá”. A asociación asegura que isto obrigou a anular todas as axendas de atención ordinaria e adicarse únicamente á atención urxente.

“A mesma situación viviuse no turno de tarde, cunha única facultativa dos tres que ten que haber. O resultado desta ausencia do setenta por cento da plantilla de persoal facultativo é que centos e centos de pacientes que tiñan unha cita médica quedaron ser poder ser atendidos durante días, e pacientes que tentaban solicitar unha consulta atopábanse con agardas de máis de once días para acceder a unha cita”, aseguran.

Segundo manifesta a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro, “atopámonos diante da destrución do eixo principal da atención sanitaria, o nivel asistencial que afecta prácticamente a toda a poboación, e por iso debemos axuntar esforzos coa poboación e co Concello para tratar de parar esta masiva hemorraxia que, de certo levará á morte dun sistema sanitario público equitativo, próximo e gratuíto”.

Similar situación doutros centros sanitarios dependentes de Viveiro

A plataforma sanitaria da Mariña denuncia que unha situación semellante está a ocurrir no centro de saúde do Vicedo onde, segundo explica Miriam Bermúdez, tenente de alcaldesa de Viveiro, a falta de facultativos estes días é substituído parcialmente durante un máximo de catro horas cada día “ agravando aínda máis a situación e poñendo en risco a saúde das veciñas e veciños. Mais non imos tolerar que se xogue coa saúde das persoas, por iso é primordial a mobilización social”. No centro de saúde de Ourol durante as ausencias do titular non hai ninguén suplíndoo, “co cal máis dun milleiro de persoas queda sen asistencia médica , o que obriga a desplazarse ata Viveiro, colapsando o PAC e mesmo as urxencias hospitalarias”.

O servizo de pediatría, tamén con graves deficiencias

O centro de saúde, aseguran, atópase tamén sen os dous pediatras de plantilla desde hai un ano, suplíndose esta eiva con dúas profesionais que se desprazan desde Lugo. Segundo indica a alcaldesa de Viveiro, “só veñen cinco ou seis días ao mes, o que case é o mesmo que dicir que deixaron ás poboacións de Viveiro, o Vicedo e Ourol sen pediatras. Non podemos consentir este ataque á sanidade pública e á atención das nosas crianzas e por iso imos concentrarnos de novo, como hai un ano e a mobilización será igual de multitudinaria”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com