A Plataforma Sanitaria da Mariña esixe ao Sergas que “dea a cara” e garanta os servizos de logopedia e fisioterapia

Trala ruptura do concerto cunha clínica privada, o Sergas deixou sen asistencia a centos de pacientes sen darlles ningún tipo de información. Esa é a denuncia que facía esta mañá, de novo, a Plataforma Sanitaria da Mariña que esixía ao Servizo Galego de Saúde que “deixe de agocharse e dea a cara” ante o que tildaron de “gravísimo” problema sanitario, trala ruptura do concerto.

A Plataforma En Defensa da Sanidade Pública da Mariña foi alertada polas nais e pais de afectados do “abandono total” no que ficaban ao quedar as súas crianzas sen logopeda na Mariña e “sen que o Sergas se dignara sequera a darnos unha explicación. Nin a máis mínima información temos, deixáronnos abandonados, non sabemos que vai pasar. Non teñen vergoña nin humanidade”, relatan.

Para o colectivo sanitario o Sergas “chegou xa á súa desvergonza máxima” deixando sen asistenza a nenas e nenos , xa non só en pediatría, senon noutros servizos indispensables e que precisan de continuidade, como son a logopedia e fisioterapia, tamén concertada coa clínica privada e que tamén está afectada polo cese do convenio. “Vemos así como a sanidade pública da Mariña avanza a pasos de xigante no seu desmantelamento trala supresión da área sanitaria, e mesmo os seus efectos son moito máis devastadores e rápidos do que esta Plataforma calculou”, lamentan.

“Gustaríanos saber onde andan agochados nestes momentos de crise os señores Balseiro e Vega para que nos relaten cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosísimos profesionais que ían vir para Burela“, explica a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro que, esixe aos dous representantes do goberno na Mariña que “saian da coelleira onde están refuciados e cumpran coas súas obrrigas”.

O hospital queda hoxe cun só hematólogo para atender aos máis de setenta mil habitantes da Mariña. Segundo vimos de coñecer a través de pacientes aos que se lles suspendeu a consulta de hematoloxía que tiñan hoxe no hospital, o centro sanitario queda hoxe cun só hematólogo dos tres que hai actualmente , dado que un deles colleu un permiso e a terceira hematóloga foi derivada ao HULA como está a facer cada xoves. A Plataforma xa alertou hai tempo desta situación, e non se lle puxo remedio, “so se adicaron a tachar de alarmistas e mentireiros aos activistas deste colectivo”.

Agora volve ocurrir e “este é outro exemplo máis da incompetencia para xestionar e do agravio ao que se ten sometida a esta comarca, pois están a derivar a outra facultativa cara ao HULA, que xa dispón de dez hematólogos en plantilla, sen importarlles como quedamos. Abandonados polo Sergas e polo goberno do PP son as palabras máis axeitadas para
definir esta situación”, comenta Víctor Vila, portavoz do colectivo.

Desde o colectivo animan a mariñás e mariñaos a que acudan á manifestación que o próximo domingo día 10 de febreiro percorrerá as rúas de Compostela , e que parte da Alameda ás 12 horas, para berrar alto, forte e nunha soa voz que queremos unha sanidade pública de calidade, digna, universal, gratuita e equitativa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com