A Plataforma Sanitaria da Mariña apoia e adhírese a manifestación convocada polos tres sindicatos maioritarios baixo o lema “ Futuro para A Mariña”, que o vindeiro domingo 17 de outubro sairá ás 12 horas da Cruz Vermella de Viveiro. O motivo desta mobilización é esixir que as administracións públicas poñan freo á sangría económica e laboral que esta a sufrir a comarca e que conducen indefectiblemente á desertización industrial da Mariña.
Desde a Plataforma animamos a todas as veciñas e veciños da Mariña a que saian de xeito masivo á rúa, para volver a reclamar as demandas non atendidas durante anos e que se materializaron nunha manifestación multitudinaria, que percorreu as rúas de Burela en xuño do ano pasado. Este colectivo acredita en que a loita sen tregua é a única forma de lograr cambios , e por iso “ chamamos a toda a poboación desta comarca a encher as rúas de Viveiro o próximo domingo para, nunha soa voz , reclamar das administración públicas o mantemento dos postos de traballo, da industria e dos servizos públicos, ao tempo que se dota a este territorio dunhas infraestruturas dignas do século no que nos atopamos”- conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario.