A plataforma sanitaria da Mariña anuncia que apoia e acudirá á concentración que convoca a maioría do tecido asociativo do Vicedo para demandar a cobertura de xeito continuado das dúas prazas de médico de familia, que se celebrará o domingo 26 ás 11.30 horas diante do centro de saúde. “Segundo nos trasladan innumerables pacientes foilles imposible en moitos casos concertar citas para acudir ao médico, para renovar receitas, facer os partes de confirmación de baixa laborais así como tampouco ser atendidos coa cita que tiñan”, sinalan dende a asociación.
“Desde que este facultativo marchou trasladado a outro lugar o Sergas deixou de cubrir todos os días as prazas de médicos, enviando de vez en cando a outra persoa. Nestes últimos quince ou máis días solo viña solo unha médica un día á semana, ata que desde que os colectivos se deu a voz de alarma e saíron á rúa a apoiar a concentración que reuniu a tres mil persoas en Viveiro”, denuncia a plataforma. Tamén sinalan que dous días antes de que a xente saíra á rúa xa puxeron facultativo todos os días no Vicedo, “iso sí , sólo durante catro horas”.
Desde o colectivo sanitario da Mariña animan a todos os veciños a que acudan a esta concentración, que baixo o lema ‘Médicos en Vicedo Xa’ tenta conseguir que se dote ao seu concello do persoal sanitario que merecen advertindo á Xerencia e ao goberno da Xunta “que deixen de facer sudokus para tentar encaixar cun persoal baixo mínimos a xigantesca fenda sanitaria que eles mesmos crearon”.