O comité clínico reuniuse hoxe de novo para valorar os datos da Covid 19 no conxunto da comunidade galega. Así, e logo de analizar a posible variación na incidencia acumulada a 7 e 14 días dos diferentes concellos, os expertos decidiron que A Pobra do Brollón, Guitiriz e Lourenzá alivien, a partir do luns, as súas restricións ata o nivel máis baixo.
Esto quere dicir que, despois da fin de semana, estes tres concellos terán as mesmas limitacións que, por exemplo, a capital. A Pobra do Brollón, que permanecerá pechada perimetralmente ata o domingo, verá moi incrementada a súa liberdade, e é que pasa directamente do nivel máis alto de restricións, ao mínimo.
A mellora da situación epidemiolóxica, permitirá, nestes tres concellos, a apertura do interior de bares e restaurantes ao 30% da súa capacidade e ao 50% das terrazas ata as 6 da tarde. Asemade, permitirase a mobilidade case ao completo, ao igual que as reunións de non conviventes que se permitirán de ata catro persoas. Tamén será posible facer deporte acompañados, eso si, con máscara.
Doutra banda, o comité clínico decidiu manter no nivel intermedio ao concello de Chantada e, no máximo, ao de Paradela, ambos entraban hoxe neses niveis.