Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante a última fin de semana 19 dispositivos na provincia de Lugo no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron catro inspeccións, nas que se rexistraron 48 identificacións e se formularon seis denuncias.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 18 e o 20 de decembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Os operativos leváronse a cabo nos municipios de Burela, Chantada, Cospeito, Friol, Lugo, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro e Xove.
En toda Galicia, os axentes actuaron nun total de 43 concellos, sumando 250 inspeccións, con 226 persoas identificadas e 65 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmárcanse no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.