A Policía Local de Lugo deu parte á Xunta dun menor de 6 anos que estaba sen escolarizar. Os axentes localizárono onte despois de acudir a unha vivenda da rúa do Miño na que se escoitaban gritos.
Ao parecer, un home discutía con varios familiares a raíz dun tropezo cun xarrón que caíra ao chan e rompera. A policía identificou a todas as persoas que se atopaban no inmoble,entre as que se atopaba un neno de 6 anos que vivía cos seus avós, presentes na vivenda. Ao preguntarlles por que o pequeno non estaba na escola, os avós responderon que dubidaban entre dous centros.
Tras dirixir as súas pesquisas cara ambos colexios, e confirmar que o menor non estaba escolarizado en ningún deles, os axentes notificaron sobre a situación ao servizo de Menores da Xunta de Galicia e aos Servizos Sociais.