Efectivos da Policía Local de Lugo procederon, sobre as 8:10 horas do día de onte, 29 de abril, á detención dun home de 40 anos como autor dos delitos de furto, danos en vehículo policial, desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.
Os feitos sucederon cando o agora detido apoderouse do interior dun vehículo da empresa URBASER, estacionado na rúa Luís Peña Novo, dunha peza de abrigo dun traballador, unha bolsa que contiña efectos persoais e un aparato de radio propiedade do empregado. Os axentes localízano levando posto o abrigo rotulado co nome e anagrama da empresa de limpeza e colgado ao ombreiro a bolsa propiedade do traballador que contiña unha neveira portátil e o aparello de radio, arroxándoos ao chan ao decatarse da presenza policial. Ao tratar os axentes de identificalo, o individuo négase rotundamente, proferindo insultos graves contra os mesmos, opoñendo grave resistencia a ser introducido no vehículo policial para o seu traslado a dependencias policiais, para elo propinou patadas contra o biombo de seguridade do vehículo patrulla causando danos nun dos portelos traseiros.
Xa en dependencias policiais, instrúense dilixencias para a súa remisión ao Xulgado de Garda, levantando acta de infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá ao non xustificar a súa presenza na vía pública, comprobando que xa fora denunciado con anterioridade por incumprir dita orde.