A Policía Local de Lugo detectou nas noites desta fin de semana un total de seis persoas que conducían baixo os efectos do alcol. Os controles foron realizados en diferentes puntos da cidade con vehículos rotulados e camufaldos.
Na Avenida da Coruña detiveron un coche que circulaba de forma irregular. Tras someter ao condutor a un control, o resultado foi de 0,64 mg/l, polo que foi multado con 1.000 euros, retiráronselle 6 puntos do carnet e inmobilizouse o seu vehículo.
Tamén foi sancionado con 1.000 euros e 6 puntos menos un condutor ao que se lle deu o alto na rúa San Roque e que lanzou unha taxa de alcol de 0,61 mg/l. O seu coche foi inmobilizado.
Na rúa Poeta Noriega foi multada unha persoa que conducía cunha taxa de alcol de 0,49 mg/l, polo que os axentes locais a sancionaron con 500 euros, a retirada de 4 puntos do carnet e a inmobilización do vehículo. O mesmo lle ocorreu a outro condutor que foi sometido a un control na rúa Pena do Rei e que arroxou un resultado de 0,36 mg/l.
Ademais, instruíronse dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido a dúas persoas. Unha delas foi sometida a un control de alcolemia na rúa Río Ulla, cun resultado de 0,68 mg/l. A outra, que deu positivo cunha taxa de 0,75 mg/l, foi detectada na Avenida Ramón Ferreiro.