Un filtro da Policía Local descubre un servizo ilegal de transporte promocionado en redes sociais. A eficacia dos dispositivos de seguridade viaria programados na cidade por parte da Policía Local de Lugo permitiu esta vez detectar e frear unha actividade ilegal de transporte de viaxeiros que operaba baixo aparencia de legalidade na zona Leste da cidade.
A intervención produciuse arredor das 3:30 horas da madrugada do 13 de marzo, durante un filtro de seguridade viaria na Avenida Marqués de Ombreiro, confluencia coa Avenida dos Deportes. Os axentes interceptaron unha furgoneta de alugueiro sen condutor, de nove prazas, na que viaxaban oito pasaxeiros e o condutor. A rápida actuación policial permitiu constatar que o vehículo estaba a realizar servizos de transporte de persoas de maneira clandestina para un local de lecer nocturno.
Segundo a investigación realizada in situ, o condutor, un mozo de 21 anos, trasladaba repetidamente grupos de persoas dende a Praza Xaquín Lorenzo Xocas ata un establecemento de lecer nocturno. O implicado recoñeceu que levaba toda a noite efectuando estes traslados, alegando que o facía “como un favor a un amigo” e sen percibir remuneración. Porén, carecía da preceptiva autorización para o servizo de transporte de persoas. Ademais, o contrato de alugueiro do vehículo figuraba a nome doutra persoa diferente á autorizada.
O servizo de transporte ilegal estabase a promocionar abertamente en redes sociais. A Policía Local comprobou a existencia de anuncios nos que se ofrecía o servizo de “taxi” con tarifas detalladas e número de contacto, como reclamo para atraer público á festa organizada no establecemento. Esta manobra evidencia un uso fraudulento das redes sociais para disfrazar de favor, o que realmente era un servizo de transporte público sen licenza e con remuneración encuberta, o que presuntamente contravé varias infraccións da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.
A actuación foi posta en coñecemento da autoridade competente para a instrución do correspondente expediente sancionador polas infraccións detectadas contra a normativa de transporte. Ademais, este tipo de actividades encubertas abre a porta a situacións dunha posible existencia de explotación laboral, onde particulares sen formación nin vinculación profesional poden verse empurrados a realizar funcións de “chofer” sen contrato, en condicións de precariedade e sen as garantías mínimas de seguridade.
A utilización de vehículos de alugueiro e a organización deste transporte a través de redes sociais pode ocultar auténticas bolsas de traballo ilegal, nas que se elude calquera tipo de control laboral ou fiscal.
Fotografía: arquivo policía local de Lugo.