A Policía Nacional vén de deter a dous homes pola súa implicación nunha presunta violación producida na zona da Fervedoira durante a pasada fin de semana.
Os axentes do Corpo Nacional de Policía xa detiveran o pasado sábado a un home duns 50 anos trala denuncia presentada pola vítima. Foi esta mañá cando a Policía detivo un segundo varón, segundo informaron fontes policiais.
A investigación foi “avanzando”, sinalou a policía, e das probas recabadas así como das testemuñas recollidas despréndese a posible participación nos fesitos dun segundo home – o arrestado esta mañá- duns corenta anos de idade e que comparte domicilio co detido nun primeiro momento.
O caso está en mans do Xulgado de Instrución número 3 da cidade de Lugo, especializado en casos de violencia de xénero. Ambos detidos pasarán esta tarde a disposición xudicial. Decretouse o segredo de sumario.