A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante esta ponte, na que se rexistrou un ascenso con respecto ao ano pasado de máis dun 10%.
A liña ascendente de negocio neste período durante os últimos anos viuse afectada polas negativas previsións meteorolóxicas en 2018, ano no que se logrou unha ocupación do 83 %. Nesta ocasión, a APEHL confirma unha recuperación desa tendencia á alza cunha media do 93,33 %.
A Mariña e a Ribeira Sacra foron as zonas da provincia con máis visitantes, cunha media do 95 %. Os días claves continuaron sendo xoves e venres, nos que algúns establecementos chegaron ao 100 %. A maioría dos visitantes que estes días fixeron parada na provincia procedían de diferentes partes do propio territorio nacional, aínda que na Ribeira Sacra e na Mariña se puido notar un pequeno incremento de turistas internacionais.
Os datos referentes ao emprego no sector mantivéronse e as cifras en canto a rendibilidade incrementáronse con respecto ao resto do mes, de maneira similar á Pascua de 2018.