A gran estrea desta semana fai especial ilusión aos Codex. Trátase dun filme portugués, dunha cineasta das máis importantes do mundo que apenas conta con presenza nos medios (pola súa condición de muller e portuguesa, unha nación que non se asocia moito ao cinema pese a ter a grandes mestres desta arte) e porque ven distribuída polos amigos de Numax Distribución, a sala de cinema que revolucionou o mercado de exhibición español e referente principal para nós.
Rita Azevedo Gomes, a directora de A portuguesa, comezou tarde a súa carreira como cineasta, pero estivo presente desde moi cedo no mundo do cinema. Como actriz, ou máis ben como presenza, participou nos filmes de Luis Noronha da Costa, un dos directores máis particulares do cinema portugués, e despois colaborou en cintas de Manoel de Oliveira, Raoul Ruiz ou Werner Schroeter, algúns dos cineastas más libres, inclasificables e persoais da historia do cinema. No ano 1990 debutou cun filme impresionante chamado O som da terra a tremer, un monumental exercicio
onde as formas do teatro colidían coa realidade, onde o exceso teatral se convertía nunha forma de narrar as máis altas e profundas paixóns humanas.
No cinema de Rita Azevedo Gomes sempre están enfrontados o mundo dos nosos sentimentos, da nosa intimidade, coas regras non escritas, pero si moi ríxidas do mundo material no que vivimos. Frágil como o mundo ou A vingança de uma mulher representan moi ben esta dualidade, e tamén A portuguesa, unha historia medieval sobre una muller portuguesa que casa cun señor guerreiro xermánico e debe aterse as normas da sociedade medieval que lle obrigan a ser unha muller paciente e honrar ao seu marido. O filme non ten unha liña narrativa clara, senón que se compón de episodios da vida da muller, algúns determinantes e outros puramente anecdóticos, que mostran unha das mellores representacións da vida e da moral medieval que viu nunca o cinema.
Destaca tamén o seu formidable traballo de fotografía, a utilización das cores e dos puntos de luz, a beleza de cada estancia, que recordan moito as iconas medievais que chegaron ate os nosos días. A historia parte dun relato breve do gran Robert Musil, Die portugiesin, que fóra adaptado como guión cinematográfico por Agustina Bessa-Luís, a gran dama da literatura portuguesa. Sen dúbida, un filme maxistral e unha das obras que máis orgullo nos da estrear en Codex.
A segunda das estreas desta semana nos Codex é The Invocation of Enver Simaku , un filme moi diferente ao de Rita Azevedo Gomes, mais non exento de interese. Neste caso, trátase dun filme de terror, de xénero moi codificado. Un filme que colle as formas dun falso documental (como o mítico O proxecto da bruxa de Blair) para narrar unha terrorífica historia sobre un home que regresa a Albania para tratar de desvelar o misterio da morte da súa muller, ocorrido vinte anos atrás, asasinada por un culto satánico. O filme, terrorífico e desolador, aproveita a paisaxe gris e os terreos abandonados da Albania post-comunista de forma exemplar, para xerar unha continua sensación de misterio e certa incomodidade, todo feito con moi poucos medios e explotando as súas virtudes ao máximo. Ademais relaciona moi ben a intriga persoal do protagonista coa historia de Albania, o fin do comunismo e o enfrontamento coa relixión e as tradicións moi profundas.
Un traballo moi orixinal a cargo dun cineasta español, Marco Lledó, que ten a súa estrea nacional nos cines, tras pasar polo Festival de Sitges, o certame de cinema fantástico máis importante do mundo. Normalmente nestes cines non se proxecta cinema de xénero, mais cando o resultado é tan diferente e orixinal, os Codex amósanse ledos de poder ter estas producións.
Post Views: 0