O monumento natural Praia das Catedrais recibiu preto de 225.000 visitantes durante a temporada alta de 2023 -Semana Santa e meses de xullo, agosto e setembro-, segundo explicou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha visita a este espazo protexido, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.
Logo de salientar que o número de autorizacións emitidas durante este verán superou as 260.000, Do Campo fixo fincapé na importancia de combinar o uso e desfrute desta contorna coa súa preservación e, nesa liña, lembrou a obrigatoriedade de cumprir a normativa de uso público establecida para este monumento natural.
Nesa liña, o plan de conservación deste monumento natural inclúe limitacións de acceso a este espazo protexido durante períodos de alta afluencia. Durante a Semana Santa e os meses de xullo, agosto setembro só poden acceder a este espazo protexido un máximo de 4.812 persoas cada xornada, co fin de facer compatible o uso público coa preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural.
Neses períodos, as entradas poden reservarse, de xeito totalmente gratuíto, na páxina web habilitada a tal efecto ou a través de diferentes entidades públicas e privadas autorizadas para distribuílas, como o Clúster de Turismo, a Mancomunidade de Municipios da Mariña, establecementos hoteleiros, os taxistas de Ribadeo e outros operadores de
ransporte colectivo.
A maiores, cómpre lembrar que os visitantes non poden ir por fóra dos camiños, sendeiros, miradoiros e áreas de descanso; recoller especies de fauna e flora; tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, nin realizar escalada ou actividades similares.