A praza de abastos abre de novo ao público pero as obras continúan

O Concello de Lugo informou de que a praza de abastos abriu hoxe para ser ocupada polos comerciantes despois de 33 días nos que os postos de venda estiveron desenvolvendo a súa actividade de forma provisional, repartidos entre a carpa da praza da Soidade e o mercado Quiroga Ballesteros a causa das obras de remodelación que se están executando no edificio.

Unha reapertura que non implica a finalización dos traballos, xa que o proxecto se atopa ao 50% de execución tal e como explicou a edil de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto. O que si remataron foron as obras da primeira fase, “que eran incompatibles coa venda de produtos de alimentación”, de forma que a segunda fase do proxecto levarase a cabo mentres a praza de abastos continúa co seu funcionamento normal. Ata o de agora, os traballos acometidos implicaron un investimento de 560.000 euros, a metade do orzamento previsto e financiado con cargo ao plan Urban.

A concelleira asegura que o Concello está “en contacto directo cos comerciantes e industriais para resolver tanto as incidencias previsibles como as imprevisibles co obxectivo de darlles solución da forma máis rápida posible e minimizar os efectos das obras”.      

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com