A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza realizou no día de hoxe o acto de acendido das luces de Nadal da Praza de Abastos. Segundo declarou a edil ao cargo, o alumeado da praza, xunto co resto da iluminación da cidade e as actividades de Nadal que se anunciarán proximamente, están dentro da programación de Nadal do Concello, que ten como un dos seus obxectivos “dinamizar o centro da cidade e aumentar as visitas ao Mercado Municipal e á Praza de Abastos”.
Neste acto de acendido, a edil nacionalista agradeceu a todas as praceiras e praceiros “a súa implicación e colaboración en todos os actos que dende a concellería se realizan nesta praza”. O acto contou coa actuación musical do Coro Infantil da Asociación da Banda Filharmónica de Lugo, representando o inicio do Nadal.
“Dende a área de participación queremos animar a toda a veciñanza de Lugo a que realice as súas compras nos comercios locais e de proximidade, para facelos dinamizadores do centro da nosa cidade”, indicou a concelleira, que convidou tamén “a todas as veciñas e veciños de Lugo a asistir a este acto de acendido de luces, que da comezo á campaña de Nadal no Concello”.