A colocación do novo solo da Praza de Abastos, dentro do proxecto de modernización das instalacións, obriga ao seu peche temporal, pois as obras son incompatibles coa apertura ao público. Tal e como acordaron as concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e de Concello e Cidadanía, Ana Prieto e Rosana Rielo, cos industriais, a Praza non abrirá dende o mércores e ata o vindeiro martes 16.
Cun orzamento de 1 millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urban, o proxecto contempla a liberación do espazo central da primeira planta, abrindo dous ocos no eixo transversal, para lograr unha maior visibilidade de todo o interior do edificio e ampliar as zonas de tránsito co obxectivo de adaptar a superficie comercial dispoñible á demanda, eliminando o efecto negativo que provocan os postos sen actividade e incrementando o seu atractivo e accesibilidade.
Unha das principais intervencións será a comunicación da Praza de Abastos co párking soterrado de Santo Domingo, o que permitirá dotala dunha zona de aparcamento. A conexión farase mediante un corredor de comunicación, unha vez que os técnicos determinaron que esta solución é viable. A creación deste acceso permitirá ademais poñer en valor os restos da calzada romana que se descubriron na escavación para construír o túnel.
Tamén se proxecta mellorar a accesibilidade coa instalación dun ascensor e un montacargas para industriais e provedores. Ademais, poñeranse ao día todas as instalacións e sistemas de comunicación, e renovaranse os aseos, ademais de executarse os traballos previstos no estudo de residuos e na auditoría enerxética, que inclúen un cuarto de residuos preparado para a recollida selectiva, e a adaptación da iluminación, illamento externo e climatización, entre outras cuestións.
Outras das actuacións proxectadas son a reordenación de toda a zona de servizos da planta semisoto, a creación dunha zona apta para o mercado de martes e venres, e para a celebración doutro tipo eventos, así como a renovación da cartelería e rotulación do conxunto da Praza e dos postos.