Volve o sol á cidade e a rexedora municipal decide volver a sacar o seu atril de paseo para presentar os proxectos que, grazas a uns dos orzamentos máis problemáticos que lembra o Concello, levará a cabo nos vindeiros meses de pre-campaña electoral. Tras asegurar onte a alcaldesa e o seu equipo que Lugo terá pronto un ascensor que una a avenida de Fontiñas coa rúa Ramón Montenegro, hoxe é o turno de botar en falta unha obra que a veciñanza leva reclamado moito tempo e por unha gran necesidade: o ascensor do Sagrado Corazón.
Así, o BNG-AA anunciou esta mañá que preguntará polo estado no que se atopa a tramitación para a instalación desta infraestrutura que podería mellorar o acceso a moitas vivendas ás que se chega mediante unhas escaleiras que arrancan na avenida Adolfo Suárez. Maite Ferreiro referiuse ao “movemento de atril” feito onte pola alcaldesa en Fontiñas para anunciar o proxecto do ascensor e dixo “agardamos que non leve o mesmo camiño que o do Sagrado Corazón”. Ferreiro lamentou “que os anuncios se queden, unicamente, en anuncios” e lembrou outras actuacións pendentes como os aparcadoiros disuasorios en Fontiñas ou a rotonda don San Eufrasio.
A edil do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, dirixiuse ao goberno municipal para reclamar “avances” a respecto do ascensor do Sagrado Corazón. Maite Ferreiro sinalou que “é un asunto que se empezou a tramitar no ano 2012 e 6 anos despois segue sen executarse”. Maite Ferreiro lembrou as numerosas veces que se prometeu e anunciou esta obra por parte dos gobernos socialistas no concello de Lugo e sinalou que “veciños e veciñas seguen subindo polas escaleiras por que unha cousa son so anuncios virtuais e outra facer as obras”.
Para o grupo do BNG-AA non é comprensible que “sigamos xogando á política de prometer e non cumprir cunha obra que é necesaria e conta co partida orzamentaria”. Ferreiro lembrou que para a execución desta obra había un orzamento inicial de 222.000 euros e fora adxudicada en 189.769, ademais o proxecto fora redactado pola empresa municipalEVISLUSA e xa se presentou, no ano 2013, o proxecto definindo as características do ascensor que será acristalado e terá capacidade para transportar ata 12 persoas.