93 deportistas de entre 5 e 9 anos, moitos deles e delas debutantes, disputaron esta fin de semana a primeira concentración Babybasket da tempada.
O encontro, que se celebrou en horario matinal e, segundo dispón o regramento, en réxime de concentración, estivo organizado pola Anpa Rosalía de Castro en colaboración coa área de Deportes.
Na cancha do polideportivo de Frigsa, recentemente reformada e que case estreaba pavimento para a ocasión, tiveron representación o Estudiantes Lugo, Maristas Lugo, Ensino, María Auxiliadora e Franciscanos ademais do Rosalía de Castro, que celebraron un total de 15 partidos, tres por equipo.
Papel destacado foi o desempeñado por Maximus, mascota do Leite Río Breogán, que causou gran sensación entre as e os participantes, compartindo xogos, celebrando canastras ou sacando fotos para o recordo. Xa no acto de clausura, Miguel Fernández, concelleiro de Deportes e Medio Rural, entregou, coa inestimable colaboración de Maximus, unha medalla a cada xogador e deu por clausurada a concentración, que foi todo un éxito de participación, organización e, o máis destacable, de sorrisos e ilusión.