O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou que as obras de acondicionamento dos 7 aparcadoiros disuasorios impulsados polo Goberno en distintos puntos da cidade comezarán nun mes, a principios de setembro, unha vez que esta mesma mañá foi asinado pola Concelleira de Economía, Ana Prieto, o contrato coa empresa adxudicataria, Construcciones Canarga SL. Cunha superficie total superior aos 6.000ms2, os estacionamentos ofrecerán 203 novas prazas públicas e gratuítas. O prazo de execución é de 5 meses, co cal, a previsión é que a principios de ano estean dispoñibles.
Esta actuación responde ao “modelo de cidade e á estratexia de mobilidade que temos deseñada, con medidas complementarias e interconectadas que segundo vamos implantando cobran sentido”, explicou Fernández, aludindo, como exemplo, ás zonas 30 con convivencia de bicicleta, as peonalizacións de Quiroga Ballesteros e A Milagrosa, a humanización da avenida Infanta Elena, a reordenación das liñas de bus, a creación de máis carrís bici, a ampliación das prazas dos aparcadoiros subterráneos, a apertura do párking do Seminario ao público en xeral polas tardes e as fins de semana, os propios aparcadoiros disuasorios, ou o novo modelo de acceso e mobilidade do casco histórico. Todo co obxectivo de diminuír o uso do vehículo privado, o que contribuirá a “mellorar a calidade de vida e a comodidade dos lucenses ao reducir a contaminación, tanto ambiental como acústica”, sinalou o voceiro.
As localizacións dos 7 aparcamentos e as súas características son as seguintes:
R/ ALCALDE MANUEL PORTELA (Garabolos): 46 prazas Superficie: 1.176,86 ms2 Orzamento: 41.200€
R/ DO BUXO (Lamas de Prado): 24 prazas Superficie: 827,44ms2 Orzamento: 29.600€
AVDA. REVERENDO XOSÉ FERNÁNDEZ NÚÑEZ (A Milagrosa): 15 prazas Superficie: 469,25 ms2 Orzamento: 13.200€
R/ PEDRO GONZÁLEZ LÓPEZ (centro): 14 prazas Superficie: 375,55 ms2 Orzamento: 15.500€
R/ JACINTO CALVO SENADOR (centro): 30 prazas Superficie: 942,05 ms2 Orzamento: 32.900€
R/ ALCALDE XOSÉ NOVO FREIRE (entorno Avda. Madrid): 28 prazas Superficie: 736,82 ms2 Orzamento: 26.700€
R/PARADAI DE ARRIBA: 46 prazas Superficie: 1.565,20 ms2 Orzamento: 78.000€
As obras
As obras que se levarán a cabo en cada unha das parcelas son: limpeza do terreo; escavación e recheo; colocación dunha rede de recollida de augas pluviais que inclúe sumidoiros e pozos de rexistro; pavimentación (unha capa de zahorra e dúas de asfalto); sinalización horizontal (para marcar as prazas, viais, sentidos de circulación, ceda ao paso e stop); sinalización vertical (indicadores de entrada e saída); e peche perimetral (con malla metálica de 2ms de altura), que permita identificar o aparcadoiro a conductores e viandantes.
As prazas terán unha dimensión por regra xeral de 2,5ms de ancho e 5 de longo, e todas as parcelas incluirán estacionamento para vehículos de persoas con mobilidade reducida.
O Concello optou por adxudicar as obras a través dun único contrato porque isto recorta os trámites administrativos e polo tanto axiliza os tempos.