O Xulgado de Instrucción número 1 de Lugo decretou no día de onte o ingreso en prisión do home arrestado o pasado martes tras chegar á estación de autobuses da capital con 330 gramos de cocaína, 16 de marihuana e unha trintena de pastillas de Viagra. Asemade, os axentes requisaron tamén ao detido 205 euros en efectivo e unha pistola de aire comprimido.
A Policía Nacional abriu unha investigación xa o pasado mes de novembro mediante a que arrestou a varias persoas por distribuir droga no barrio da Milagrosa. O acusado xa fora investigado no operativo de novembro dende o que os axentes mantiveron abertas as pesquisas sobre el.
Tras aquela intervención policial, o detido deixou o negocio que rexentaba -unha perruquería da rúa García Abad- en mans doutra persoa e mudouse a outro país. Pouco despois regresou e os axentes volveronlle seguir a pista tras sospeitar que volvía ao ilícito negocio.
Hai uns días o sospeitoso marchou a Barcelona e os investigadores foron controlando os seus movementos ata que chegou en autobús a Lugo onde os policías esperábano cun dispositivo na estación de autobuses. Os axentes localizaron no seu equipaxe de man un pan aberto ao medio coa cocaína no seu interior.