A programación infantil centra a axenda de decembro na Biblioteca Nodal

A Biblioteca Pública xestionada pola Xunta en Lugo centra a programación de decembro no público infantil, con diferentes espectáculos de narración oral todas as semanas. Ao longo do mes haberá tamén exposicións arredor do belén de Begonte, que fai 50 anos en 2022, de carteis divulgativos sobre mulleres pedagogas pioneiras, e de imaxes participantes no XXVII Maratón Fotográfico del Campus Terra de la USC. A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

A axenda arranca este venres, cun faladoiro para público de oito a 12 anos coa escritora Antía Yáñez arredor da súa novela Plan de rescate. Na conversa abordaranse as aventuras que poden chegar a vivirse nas escolas e que os nenos e nenas con diversidade funcional tamén poden ser heroes e heroínas.

A vindeira semana, o día 10, será a quenda de Pavís Pavós con Historias da marquesa, un espectáculo de narración oral dirixido á rapazada de catro a 12 anos, cheo de contos gardados na maleta que deixou en herdanza a marquesa Valisneria. Na xornada do 17 chega Migallas Teatro con Contos nas orellas, unha actividade para todos os públicos na que gozar da tradición oral a través de historias e música. Todas estas as sesións terán lugar ás 18,00 horas.

Xa o día 23, ás 17,00 horas, Chus Álvarez ofrecerá contos e cancións para xogar ás agachadas e adiviñas para descubrir o mundo a través de Ollo, Piollo!, para bebés de un a tres anos. Como peche, o 30 de decembro ás 18,00 horas, Mario Tomás compartirá a historia do neno africano Hamar. Trátase dunha actividade de narración oral adornada de certo realismo máxico para descubrir outras historias que teñen eco na nosa realidade cotiá. Está dirixida á rapazada de catro a 12 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com