A proposición de lei de recuperación da terra agraria de Galicia continuará a súa tramitación no Parlamento galego logo de que o Pleno aprobara a pasada tarde a súa toma en consideración, co único voto en contra do BNG. A viceportavoz popular, Elena Candia, afirmou que “esta debe ser unha lei de país que dea solucións a cuestións importantes do rural galego, como a respecto á propiedade privada, aumentar a base territorial, reforzar o papel da administración na investigación da propiedade e loitar contra o abandono de terras”.
Elena Candia incidiu na “aposta estratéxica do actual Goberno galego pola recuperación de terras abandonadas mediante a súa posta en valor”. Para isto, avogou pola creación de actividade económica no medio rural; a mitigación e adaptación ao cambio climático, en especial mediante a prevención de incendios forestais; a seguridade alimentaria; e o impulso dunha planificación da paisaxe agraria que permita a creación de ecosistemas resilentes.
A proposición de lei de recuperación da terra agraria, impulsada polo Grupo Popular, consta de 144 artigos e as correspondentes disposicións adicionais. Candia subliñou que este novo texto lexislativo incorpora 43 das recomendacións incluídas no ditame da Comisión de Estudo sobre política forestal celebrada durante a pasada lexislatura no Parlamento galego.
Un dos obxectivos principais desta nova lei é actuar fundamentalmente en terras abandonadas, ao tempo que pon a disposición dos galegos instrumentos para favorecer a reorganización na totalidade do territorio galego. Dentro desta ordenación, a viceportavoz popular referiuse a figura das permutas de principal interese agrario, “coas que se pretende eliminar encravados arredor das explotacións gandeiras, atendendo deste xeito unha demanda unánime do sector”.
Así mesmo, explicou que os polígonos de propiedade privada “van permitir que os gandeiros e agricultores poidan reordenar as súas explotacións, acadando eses obxectivos para desprazar fincas que estean no medio das súas explotacións e podan estar causando problemas para sacarlle un mellor rendemento”. Elena Candia tamén citou as aldeas modelo, nas que a Consellería do Medio Rural xa ven traballando, e doutras dúas figuras de recuperación deterra agraria: os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. “Calquera destas dúas opcións precisarán dunha maioría cualificada do 70 por cento para a súa constitución, respectando en todo momento a propiedade privada”, dixo.