A quen madruga…

A saber se en política é verdade que “A quen madruga, Deus o axuda” cando na vida “civil” iso é relativo, xa que por moito madrugar non amence máis cedo. O que esta claro é que o gobernante que madruga pode coller a alguén co pé cambiado.

Sánchez, reaccionando diante de resultados manifestamente mellorables, obtivo colleita menos dolorosa da temida e, aplicando maxia para moitos discutible, saíu triunfante do apuro.

Tamén Rueda madrugou. Pedíanllo nos desafíos que se lanzan para intentar marcar territorio, sabendo que a acción política ten os seus tempos e convocar eleccións é algo complicado, que hai que ter moi preparada a maquinaria, apretadas as filas, e poñer firmes os aparatos dos partidos para demostrar que cada quen merece o posto que ocupa na vida do país.

Pola Rede circula o primeiro sondeo que afirma que o PP mantería a maioría absoluta, o Bng sería a segunda forza, o terceiro posto sería para o Psoe e ninguén máis accedería ao Parlamento .

O madrugón de Rueda cabe supoñer que non supón risco para o PP, que mantén activa a maquinaria electoral despois da victoria que resultou curta, nin para o Psoe que resolveu con relativa dignidade a anunciada catástrofe, e moito menos a un Bng en permanente estado de vixilia para mobilizar ao nacionalismo no país. Sí resultou problemático para outras forzas que van ter dificil obter resultados presentables diante da imposible unión.

Rematada o día de Reis a especial tregua política, preparémonos porque aínda que moitos pensen que todo está controlado, para vender peixe, primeiro hai que ir pescalo nun mar que ten de todo menos tranquilidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com