A Real Academia Galega estrea hoxe na súa canle de Youtube o primeiro episodio da serie web documental que lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2023. “Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu” arrinca co capítulo titulado “As luces primeiras”, centrado na infancia do intelectual en Lourenzá e os primeiros anos da mocidade. A produción audiovisual percorre en seis entregas a traxectoria vital de quen foi unha figura central da resistencia cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia, ponte entre a xeración Nós e as vindeiras, tamén entre o exilio interior e a diáspora en América, presidente da RAG e impulsor de moitas outras iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros.
Cada luns estrearase un novo capítulo sobre a vida dun home cunha extraordinaria capacidade intelectual e de traballo que, como reflicte o título da serie, nunca claudicou. “Francisco Fernández del Riego foi un grande activista da cultura galega e de Galicia que nunca se rendeu. Dalgún xeito, todos somos fillos del e doutros membros da súa xeración que, en tempos certamente adversos, traballaron arreo na defensa da lingua e da cultura de noso e nos permitiron ser o que hoxe somos”, salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.
“Ao longo dos seis episodios coñecemos un Francisco Fernández del Riego que non deixa de abraiarnos pola súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade. Como di o seu biógrafo Manuel Román, en Lourenzá, lugar que o viu nacer, mamou a lingua e a cultura, pero o seu grande amor foi Galicia”, explica Belén Rivero. A limiá é a guionista da serie, realizada para a Academia pola produtora Miramemira baixo a dirección do lugués Damián Valera. A produción conta co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación.