As persoas usuarias da residencia das Gándaras desfrutaron hoxe dun concerto do Coro do Hospital de Lugo dentro dos actos para conmemorar o 40 aniversario do centro. A actuación desenvolveuse nas instalacións exteriores aproveitando o bo tempo.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañaron esta mañá os residentes e traballadores e celebraron que se poidan recuperar este tipo de actividades, que foran suspendidas por mor da pandemia e que contribúen a manter o ánimo e a vitalidade das persoas que alí viven.
Ambos responsables autonómicos apuntaron o importante labor que realiza o centro das Gándaras, que ofrece 218 prazas públicas na cidade de Lugo tanto para persoas autónomas como para dependentes.
Tamén destacaron que a Consellería de Política Social e Xuventude vai executar unha reforma integral das instalacións co fin de optimizalas e adecualas ás bases do novo modelo de residencias, para o que reserva 1,7 millóns de euros nos orzamentos deste ano.