A rexedora de Lugo destaca en Ferrol a oportunidade de aproveitar os fondos europeos para acadar “a Galicia dunha soa velocidade”

A rexedora de Lugo, acompañada polo tenente de alcaldesa e voceiro municipal participou, esta mañá, na festividade de San Xiao. A outra das xornadas, logo do San Froilán, coa que os Concellos de Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento e na que a institución anfitrioa distingue ao Ferrolán do Ano e entrega as Insignias de Ouro da cidade.

“Recoñecementos moi valiosos cos que, ao igual que Lugo fai coas Medallas de Ouro, recentemente entregadas, se pretende poñer en valor a importancia das accións e do impulso cidadá na construción social dos municipios”, sinalou a alcaldesa.

Durante o acto, ao que asistiron representantes de todos os grupos da Corporación ferrolá (PP, BNG e Ferrol en Común), así como os voceiros do PSOE e do PP por parte da Corporación lucense, a alcaldesa puxo de manifesto a complexidade do ano 2021, cando, tras superar a chegada da COVID, “os Concellos tivemos que afrontar a recuperación dos nosos municipios nun contexto sanitario, social e económico realmente duro e no que aínda se mantén a preocupación polo devir da pandemia. Un 2021 no que quedou manifesta a transcendencia das Administracións locais na protección da veciñanza e no desenvolvemento das prestacións públicas para que ningún cidadán e cidadá se quede atrás nestes momentos de tanta dificultade”, sostivo.

A rexedora lembrou tamén os lazos de amizade que ámbalas dúas cidades comparten dende 1906 e que se intensificaron a partir de 1913 coa entrada en funcionamento do ferrocarril. “Porque Lugo e Ferrol tamén mantemos retos e demandas en común e unha delas é, precisamente, non quedar descolgadas das infraestruturas viarias e ferroviarias tanto para o tráfico de pasaxeiros como o Ave, como o Corredor Atlántico de Mercadorías. Reivindicacións nas que as dúas somos aliadas porque resultan claves para que os nosos territorios sexan competitivos. Un obxectivo no que tanto Ángel como eu estamos a traballar como alcaldes pero tamén noutros foros nos que estamos presentes como pode ser o Eixo Atlántico”.

Unha similitude que a rexedora extrapolou, igualmente, ao modelo que segue a transformación dámbalas dúas cidades, “en prol de acadar urbes mais sostibles, nas que as persoas son o centro das nosas políticas, as principais protagonistas da nosa acción”.

“Estas serán, sen dúbida, cuestións cruciais na etapa na que estamos: a da recuperación; a das oportunidades que esta crise nos brindou deixando ao descuberto primeiro as debilidades que debiamos atallar, pero tamén as fortalezas que temos e que debemos aproveitar para saír reforzados da actual situación socio sanitaria”, engadiu a rexedora.

“Un fin para o que – abondou – resultará importantísima a xestión dos fondos europeos, como mecanismo imprescindible que axudará a rachar coa Galicia de dúas velocidades que dende Ferrol e Lugo combatemos cunha comprometida política municipal, logo de anos de hándicaps que se foron superando. Unha única velocidade á que nos incorporaremos e que chegará tamén da man da interconexión e da vertebración do territorio”, afirmou a alcaldesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com