O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o novo servizo de caixeiro automático que ven de instalarse na Ribeira de Piquín e que está situado no exterior do centro médico.
Salientou que se trata do primeiro caixeiro automático co que conta o municipio e que grazas á súa instalación os veciños e veciñas poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen ter que desprazarse a outras localidades.
Ademais, ponse á disposición dos usuarios un servizo de asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e contratar produtos coma nunha oficina bancaria convencional. Tamén se oferta formación sobre banca electrónica que permita adquirir nocións básicas e aprender a realizar xestións a través das novas tecnoloxías.
Arias apuntou que nestas semanas irase ampliando a instalación de caixeiros a cada un dos 36 concellos galegos que se adheriron ao acordo entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Na provincia de Lugo tamén se sumaron ao convenio Samos e O Páramo. No caso deste último, xa ten operativos os novos servizos.
O delegado afirmou que o financiamento corre a cargo da Xunta, polo que as entidades locais non teñen que facer ningunha achega económica e só deberán ceder e acondicionar os espazos necesarios para a instalación dos caixeiros e a prestación dos servizos de asesoramento financeiro e formación.
A medida vai dirixida principalmente a concellos nos que non hai ningunha entidade de crédito, pero tamén poden acollerse aqueles municipios con dificultades para acceder a servizos financeiros, co fin de achegar este recurso a toda a poboación do rural.