A paisaxe cultural da Ribeira Sacra segue a avanzar como candidata española á Lista do Patrimonio Mundial para o vindeiro ano 2021 coa súa remisión por parte do Ministerio de Cultura y Deporte á UNESCO o pasado mes de setembro. Previsiblemente, a candidatura da Ribeira Sacra contará cun Plan de Xestión pechado pola Consellería de Cultura e Turismo a finais de 2019, avaliarase por parte da UNESCO ao longo do 2020 e irá ao Comité do Patrimonio Mundial de 2021.
Así se deu a coñecer está mañá na 86ª reunión do Consejo de Patrimonio Histórico, o máximo órgano de coordinación Patrimonial do Estado, que se celebra desde onte no Parador conquense. O devandito encontro foi presidido polo director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, Román Fernández-Baca, e nel participa, en representación da Xunta de Galicia, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua.
O resto das propostas galegas, Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas e Cidade de Ferrol: Porto de la Ilustración, continúan o seu traballo con normalidade para acadar a súa futura inclusión na Lista do Patrimonio Mundial. Ambas as dúas candidaturas están neste momento inscritas na Lista Indicativa Española do Patrimonio Mundial. No caso de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Xunta e as tres universidades galegas teñen asinado o pasado mes de xullo un convenio para a realización do formulario da candidatura.
Este órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel están representados todos os directores xerais con competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte.
Na reunión do Consello de Patrimonio Histórico analizouse a situación dos plans nacionais de patrimonio; presentouse o proxecto de creación do Centro de Categoría 2 da UNESCO sobre arte rupestre e se abordou o estado das candidaturas españolas para ingresar na Lista de Patrimonio Mundial, material e inmaterial.