“A rúa do Esquecemento será un emblema da nova peonalización coa axuda da mocidade que participa na transformación”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou onte a fase final das obras de peonalización da Rúa do Esquecemento, que se está a transformar cun novo modelo de espazos públicos e que a rexedora quere que sexa “un emblema de como podemos cambiar e gañar zonas para a cidadanía co fin de embelecer a cidade e xerar áreas diferentes de esparexemento e de conexión social para o conxunto da veciñanza”.

Cando termine a actuación urbanística, esta rúa escura e sen saída se converterá nunha zona peonil pavimentada con formigón impreso con estética de madeira e acollerá un dos primeiros parklet que se están a instalar na cidade (xa se colocou outro no canil das Estantigas), que son novidosas estruturas de descanso que inclúen vexetación. “Unha solución que se está a utilizar en moitas capitais europeas e coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ofrecemos novos espazos de socialización e ampliamos as zonas verdes”, sostivo a rexedora.

Pero ademais, a transformación da rúa vén tamén da man da mocidade que está a participar no primeiro programa Urban Cores, posto en marcha polas concellerías de Xuventude e Inclusión, a cargo dos edís Mauricio Repetto e Olga López, e que está destinado ao embelecemento da cidade pero plantexado como un recurso lúdico-formativo dirixido á xuventude máis vulnerable.

A rúa do Esquecemento foi un dos lugares elixidos para programar actividades e talleres de graffiti nos que os mozos e mozas participan nas obras e comparten experiencias cos artistas invitados, unha representación das e dos artistas máis puxantes de Lugo e Galicia.

O éxito foi tal que a veciñanza comezou a ceder máis paredes das súas propiedade na mesma rúa para que se amplíen os muros nos que inicialmente estaba previsto actuar. “A rúa será un espazo cheo de creacións artísticas e de cor case na súa totalidade”, comentou Lara Méndez, que lle agradeceu aos mozos participantes a súa colaboración e a veciñanza a súa xenerosidade.

A rexedora lembrou que a peonalización desta rúa foi solicitada no proceso de participación cidadá posto en marcha co Plan Muramiñae Rehabilita, enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Xuñ 17, 2021 - 04:11 PM

    Si si, pero eses mesmos que pintaron aparcaron os seus coches na calle “XA” peatonal. Moi lóxico todo!!

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com