A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas concedidas a clubs, sociedades anónimas e seccións de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas. Na provincia de Lugo as achegas suman 212.700 euros e benefician a 138 entidades.
Esta convocatoria ten por obxecto subvencionar os gastos derivados da participación en competicións oficiais do ano 2019 e tramítase como anticipada de gasto para facilitar a actividade deportiva dos clubs galegos, así como a súa xestión económica. Son subvencionables os gastos derivados da participación en competicións de carácter oficial tales como licenzas, inscricións, arbitraxes, adestradores, transporte e aloxamento, aluguer de instalacións para realizar adestramentos ou competicións, produtos básicos de botiquín ou material non inventariable (balóns, equipacións…).
En relación coa distribución xeográfica, 58 das entidades beneficiarias están situadas na comarca de Lugo -56 na capital, unha no Corgo e outra en Friol- e suman un investimento de 109.400 euros. Na Mariña hai 34 clubs beneficiarios que perciben achegas por importe de 43.500 euros. Na Terra Chá figuran 20 entidades que acadan 24.600 euros; e na Zona Sur 19 clubs obteñen 23.800 euros. Tamén se destinan apoios a catro entidades de Sarria, unha de Monterroso, unha de Antas de Ulla e outra de Becerreá.
As entidades receptoras abarcan diversas modalidades deportivas, como fútbol, baloncesto, atletismo, tríatlon, xadrez, baile deportivo, rugby, tiro olímpico, voleibol, ciclismo, orientación, patinaxe, natación ou balonmán, entre outras.
Como novidade cómpre salientar que dentro dos criterios a valorar puntuouse o desenvolvemento de actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte, así como contra a violencia machista.
Os clubs beneficiarios teñen de prazo ata o vindeiro 10 de agosto para presentar a solicitude de aboamento da axuda concedida e a demais documentación xustificativa.