A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que a Tesourería Xeral da Seguridade Social vai centralizar, a partir da próxima semana, todos os servizos que presta na cidade de Lugo no edificio no que ten a súa sede a Dirección Provincial, na Rolda Músico Xosé Castiñeira, número 26. Con esta medida, trátase de aumentar a eficiencia e operatividade da Seguridade Social en Lugo e mellorar a atención e servizos que se prestan aos cidadáns.
Por este motivo, o venres, día 31 de xaneiro, pechará as súas portas a oficina situada na avenida de Ramón Ferreiro, onde estaban situadas a Administración número 1 e a Unidade de Recadación Executiva número 1 de Lugo. Estas dúas unidades serán trasladadas ao inmoble da sede provincial, que é onde xa se atopan o resto das oficinas de atención ao público e, dada a proximidade dos dous edificios, non se considera lóxico manter abertas con esa finalidade esas instalacións.
Isabel Rodríguez informou que, tal como lle comunicou o director provincial do INSS e da TXSS de Lugo, Juan José Rodríguez Gude, agruparanse todas as dependencias na sede da Dirección Provincial dende o próximo luns, día 3 de febreiro.
O obxectivo desta reorganización, tal como explicou o director provincial do INSS e da TXSS, é “mellorar o servizo a cidadáns e profesionais, que no futuro non se verán obrigados a desprazarse a dúas oficinas situadas en edificios diferentes se teñen que facer xestións relativas a distintos asuntos”.
O director provincial do INSS e da TXSS xa deu conta desta medida días atrás aos colectivos profesionais e sindicatos aos que, ademais, detallou que “este pequeno cambio vainos permitir tamén unha maior especialización dos grupos que atenden cada campo de traballo, o que redundará nunha mellora na calidade do servizo”.