A Subdelegación do Goberno, da que é responsable Isabel Rodríguez, destina 527.000 euros aos custos derivados da loxística e a seguridade deste proceso electoral. Unha parte importante desta cantidade destinarase a aboar as indemnizacións ás máis de 3.100 persoas que traballan na preparación e no desenvolvemento da xornada electoral. Entre elas, as 1.602 persoas membros de mesas electorais; os 406 representantes da administración, responsables da transmisión de datos nas mesas; e as 1.126 persoas membros dos Corpos e Forzas de Seguridade que velarán pola normalidade da xornada.
Nestes días a Subdelegación do Goberno traballa, en colaboración coas entidades locais de Galicia, para poñer a punto os emprazamentos onde se celebrarán as votacións, ata 393 locais en toda a provincia, que albergarán 533 mesas e 393 cabinas. Durante as últimas semanas, preparouse a documentación que será necesaria en cada unha das mesas (actas, instrucións, etc), e toda a papelería (sobres e papeletas) que debe estar accesible o domingo en cada un dos colexios electorais da provincia de Lugo.
Ao mesmo tempo, a Subdelegación participou en dous simulacros do sistema de transmisión de datos que empregan os representantes da Administración para trasladar datos de apertura e peche de mesas, avances de participación e escrutinio final. O último destes simulacros celebrouse este luns en toda España.
Electores
Do total do censo electoral, 269.099 persoas corresponden ao censo de electores residentes (CER) mentres que 1.173 son persoas do censo electoral de residentes estranxeiros (CERE). Así mesmo, 8.518 lucenses exercerán o dereito ao voto por primeira vez neste proceso electoral.
Do total do censo, 8.663 persoas formalizaron a petición de voto por correo, así como 17 galegos e galegas que residen temporalmente no estranxeiro. Cómpre lembrar que nestas eleccións non teñen dereito ao voto os electores e electoras con residencia permanente no estranxeiro (o CERA)