A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a profesionalidade e dedicación do Corpo Nacional de Policía na provincia e agradeceu o importante labor que fai a Policía Nacional na protección da seguridade e a liberdade dos cidadáns de Lugo. A subdelegada do Goberno e o comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, presidiron esta mañá os actos celebrados en Lugo con motivo da festividade dos Ànxeles Custodios, patronos da Policía. Nos actos tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro; o presidente da Audiencia provincial, José Antonio Varela Agrelo, e o fiscal xefe, Roberto Brezmes, entre outras autoridades.
No seu discurso, a subdelegada do Goberno tivo un recordo para “todos os policías que se ocupan de garantir a seguridade na provincia, tanto aquí na capital, como nas comisarías de Monforte e Viveiro. Non podo estar hoxe con todos, pero si lles quero transmitir a miña felicitación e os mellores desexos neste día”.
“Xuntámonos hoxe para conmemorar a festividade dos Patróns da Policía Nacional, e esta data tamén nos dá a oportunidade de reflexionar sobre o traballo feito no último ano e sobre cómo mellorar día a día o servizo que prestamos á comunidade. Nos tres meses que levo desempeñando o cargo de subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, xa tiven moitas ocasións de comprobar a valía e profesionalidade das nosas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, manifestou. Engadiu que “son innumerables os servizos que tedes prestado con éxito á sociedade lucense. Sen ser exhaustiva, basta un pequeno repaso ao traballo feito neste ano para deixar constancia da eficacia do voso servizo á sociedade.
Así o demostran, por poñer só tres exemplos, as operacións que permitiron esclarecer sucesos tan graves e que tanto nos alertaron aos lucenses, como a detención en Benidorm do chamado violador de Augas Férreas.
A detención doutro sospeitoso de cometer varias agresións sexuais tamén na cidade de Lugo. Ou a operación realizada conxuntamente coa Garda Civil que permitiu desarticular unha organización con base en Marrocos na que se aprehendeu máis de 1 tonelada de hachís, a maior intervención desta droga por vía terrestre na operación máis relevante dos últimos anos en Galicia”.
Pola súa parte, o comisario xefe destacou no seu discurso a importancia da prevención e da atención inmediata cando se produce un delicto. Tamén subliñou que “a día 30 de setembro do ano en curso, e en comparanza co mesmo período de 2017, as infraccións penais mantéñense en cifras moi semellantes, polo tanto o labor preventivo dos policías que vedes a diario na rúa está sendo boa, tendo en conta que levamos varios anos reducindo a delincuencia, e , en canto a aqueles delictos que xeneran maior alarma social.
Villamarín centrouse no descenso dun 14% dos delictos contra as persoas e dun 1,5% dos delictos contra o patrimonio. Nestes últimos descenderos os roubos con forza nun 13,5% e os furtos nun 16%.
“Outro campo moi preocupante e que nos mantén en permanente estado de alerta é o relacionado coa violencia de xénero, que, ao tratarse dunha modalidade delictiva que require dun tratamento especial, esíxenos un seguemento polo miúdo de cada caso para dar resposta á protección das vítimas”, concluía o Comisario.