A subdelegada do Goberno participa na inauguración da segunda edición das xornadas organizadas por Alar Galicia en Lugo

Na inauguración das “II Xornadas de prevención e sensibilización do suicidio e novas adiccións na xuventude”, organizadas por Alar Galicia na Delegación Territorial da Xunta en  Lugo. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, que compartiu mesa co delegado da Xunta Javier Arias, a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos, o presidente da asociación, Fernando González; e o director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Alfredo José Silva; apostou “por ampliar a mirada na prevención do suicidio, o que require unha perspectiva integral desde distintos eidos como o da saúde, a educación, a familia e a administración”.

A subdelegada puxo sobre a mesa que a Organización Mundial da Saúde afirma que “o suicidio pode previrse”, polo que centrou a súa alocución nas alternativas e accións que se perseguen, “priorizando a saúde pública para artellar un sistema de protección e prevención que actúe de xeito eficaz”. Neste senso, informou de que o Goberno vén de actualizar a súa Estratexia de Saúde Mental para os anos 2022-2026, tras 12 anos sen renovarse, polo que “a saúde mental e a prevención do suicidio se sitúan no epicentro das políticas públicas”.

Isabel Rodríguez asegurou que “é un problema que nos interpela a todos e todas, un asunto que xa se elevou á Presidencia española do Consello da UE co fin de establecer sinerxias entre países”, sendo “fundamental que as preocupacións das familias deste país se trasladen coa magnitude pertinente ás altas instancias, converténdose en cuestións de estado como tamén o é a violencia de xénero, cun impacto global en todos os países do mundo”.

Tamén agradeceu a Alar Galicia, nomeadamente ao seu presidente, a organización destas xornadas, así como a colaboración en distintos programas de prevención, con sobreviventes, sociedades científicas e outros profesionais. Recoñeceu neste punto o labor da Garda Civil e da Policía Nacional co Plan Director, levando aos centros educativos formación “en asuntos tan importantes como o acoso, ciberacoso, adiccións, delitos de odio ou violencia contra as mulleres”.

Liña 024

Na súa intervención, a subdelegada lembrou que está a disposición da cidadanía a Liña 024, de Atención á Conduta Suicida, que funciona as 24 horas do día, os 7 días da semana, os 365 días do ano. “Unha ferramenta referenciada pola comisaria europea de saúde como modelo a estender ao conxunto da UE”.

Do total de chamadas a este teléfono de atención gratuíta e confidencial, un 56,7% foron efectuadas por mulleres, e un 43,3% por homes. Ademais, aínda que as cifras reflicten que o 75% dos suicidios cométense por varóns, no caso dos intentos de suicidio prodúcense maioritariamente por mulleres, nun 66% das ocasións, con predominio da franxa de idade entre os 11 e os 15 anos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com