A subdelegada entrega os carnets de Ciberexpert@ a escolares de Lugo

“Un de cada cinco delitos que se cometen en Galicia son telemáticos, de aí a importancia de fomentar entre os mozos e mozas un uso responsable das redes sociais, protexendo sempre os seus datos e a súa intimidade”, advertiu a subdelegada do goberno, durante a entrega de carnets a 18 alumnos do CEIP Plurilingüe Benigno Quiroga Ballesteros, en Lugo, que participaron no curso de Ciberexpert@ impartido pola Policía Nacional.

Isabel Rodríguez felicitou a todos os nenos e nenas e destacou a necesidade de concienciar aos menores, nativos dixitais, dos perigos aos que se expoñen nas redes e facilitarlles ferramentas para unha boa xestión da súa información. No acto tamén participaron o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, Marta Randulfe.

Rodríguez informou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil están a facer un gran labor educativo nesta materia ofrecendo charlas nos centros educativos da provincia. Un deses programas de formación é o Ciberexpert@, que imparte a Policía Nacional e que chegará a 350 alumnos de 6º de primaria do concello de Lugo, con charlas en varias xornadas.

Co desenvolvemento desta iniciativa, a Policía Nacional trata de sensibilizar e formar aos menores co obxectivo de minimizar os riscos que poden atopar no uso cotidiano das TIC. Tamén se pretende familiarizar aos menores e á súa contorna educativa e familiar no uso de ferramentas para unha navegación máis segura e capacitar aos escolares no uso responsable das redes sociais.

Durante este curso, participaron nesta formación o alumnado do CEIP Sagrado Corazón, CEIP Manuel Mallo Mallo, CEIP Quiroga Ballesteros, CPR Salesianos, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Casás e CEIP Illa Verde. Ademais, para as próximas semanas están programadas sesións no CEIP de Albeiros y CEIP A Ponte. En total, escolares de 9 centros lucenses recibirán formación de identidade dixital, redes sociais, suplantación de identidade, ciberacoso, sexting, grooming e tecnoadicións, entre outras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com