O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a proba, que recuperaron o ano pasado tras 17 anos de parón e que contou co apoio da Deputación de Lugo, por medio da Área de deportes. A proba mantén o trazado habitual -nun treito da estrada LU-611 entre Rubián (Bóveda) e Taboda-, con saída no Cruce das Seixas e chegada en Taboada.
Hoxe Efrén Castro, ratificou “a colaboración coa proba”, que encadrou no apoio que “da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas, e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”
Manuel Diéguez explicou que “despois de apostarmos o ano pasado por recuperar a proba, afrontamos esta nova edición co obxectivo de consolidala como un referente desta modalidade deportiva” e subliñou “a participación na carreira da escudería local, e de equipos da comarca, que teñen a posibilidade de competir preto da casa”. Así mesmo, destacou que “ o trazado, con chegada en Taboada, facilita que o público que se achega para seguir o rally xenere actividade na vila e coñeza o concello”.
A Subida a Taboada suporá o inicio do Campionato Galego de Montaña, xa que é a primeira desta modalidade no calendario de 2024.