O Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Friol, José Ángel Santos, copresidiron esta mañá a xunta local de seguridade no municipio, na que participaron ademais representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
Segundo se espuxo neste encontro, a taxa de criminalidade de Friol sitúase nas 16,95 infraccións penais por cada mil habitantes, máis de catro puntos por debaixo da media da provincia (21,1) e máis de dez por debaixo da media galega (27,4), atendendo aos datos do balance presentado onte mesmo polo Ministerio do Interior.
Das estatísticas da Garda Civil despréndese ademais que a delincuencia rexistrou o ano pasado un lixeiro aumento con respecto ao ano anterior no municipio, se ben mantense en cifras relativamente baixas, cunha media en torno a tres denuncias ao mes por calquera tipo de feito delitivo. Os delitos contra o patrimonio mantéñense en idénticos niveis á anterior anualidade, mentras que baixan os delitos contra as persoas e os delitos contra a seguridade colectiva, entendendo como tal os delitos contra a saúde pública e contra a seguridade vial, por exemplo.
Suma de Esforzos
A xunta local de seguridade comprometeuse a seguir traballando de xeito conxunto e sumando esforzos para reducir a delincuencia en Friol e para resolver os feitos delitivos que se chegan a producir. Neste senso, lembraron que o grao de esclarecemento dos delitos subiu neste concello en 2016, un período no que os axentes da Garda Civil destinados no municipio detiveron a 6 persoas e imputaron a outras 13.
Seguridade Escolar
O subdelegado do Goberno informou ademais do traballo realizado no marco do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, e animou aos centros de ensino do municipio friolés a solicitar a celebración das charlas contempladas no mesmo e que imparten membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Este plan director, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade, busca reforzar a educación, prevención e vixilancia nos centros escolares.