Un equipo de gravación do programa ‘3 Op Reis’ da televisión pública holandesa visitará Galicia a próxima semana para realizar unha reportaxe sobre a oferta turística galega, dentro dunha viaxe de familiarización organizada por Turismo de Galicia co apoio da Oficina de Turismo de España na Haia.
A visita deste equipo de televisión desenvolverase entre os días 21 e 25 de xullo e na súa estadía visitarán A Mariña Luguesa, o norte da provincia da Coruña, a Costa da Morte, Arousa Norte, as Rías Baixas e as cidades da Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela, onde participarán nos actos de celebración das Festas do Apóstolo e o Día de Galicia.
O obxecto desta viaxe é dar a coñecer as posibilidades que ofrece a Comunidade como destino turístico entre a audiencia da canle pública, así como a cultura e os costumes dos galegos.
A viaxe comezará en Ribadeo, de onde partirán para visitar a costa da Mariña Luguesa, achegándose ata Ortigueira. A continuación trasladaranse á Coruña, onde coñecerán os atractivos turísticos da cidade e a súa contorna. Logo visitarán Arousa Norte, onde terán a oportunidade de participar nalgún labor de pesca e marisqueo, ademais de visitar os principais lugares turísticos desta zona do sur da provincia da Coruña.
De Arousa Norte partirán cara a Pontevedra, visitando parte das Rías Baixas, e na cidade do Lérez gravarán, entre outros recursos turísticos, actividades relacionadas coa cultura e o folclore galegos. Na tarde do día 24 e o día 25 de xullo estarán na cidade de Santiago para o espectáculo dos
Polo que respecta ao turismo que recibe Galicia dos Países Baixos, no primeiro cuadrimestre deste ano 2015 rexístrase un notable incremento do mercado holandés nos establecementos hoteleiros de Galicia, superando nun 26,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 24,1% o número de noites do mesmo período do pasado ano.
No pasado ano 2014 rexistráronse algo máis de 30.000 viaxeiros dos Países Baixos aloxados nos establecementos regrados de Galicia, cifra que superou nun 17,8% o dato do anterior ano 2013. Este incremento traduciuse tamén nunha mellora das pernoitas de similar intensidade. Neste sentido, o mercado holandés subiu un 20%, rexistrando algo máis de 56.000 pernoitas no pasado ano.
O mercado holandés representou en 2014 o 3,2% do total da demanda turística internacional de Galicia e situouse no segundo grupo de principais mercados xunto con Irlanda e por detrás dos seis grandes mercados da nosa comunidade –Portugal, Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido e EE.UU-.
O turismo internacional en xeral tamén se está a incrementar no acumulado deste ano ata maio. Os viaxeiros subiron un 17,4%, rexistrando así un máximo histórico tanto de volume –con preto de 330.000 viaxeiros- como de peso –co 26,3% dos viaxeiros-. Os turistas internacionais que chegaron á nosa comunidade nestes cinco primeiros meses do ano realizaron un gasto total de preto de 300 millóns de euros.