A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a sinatura dun acordo de colaboración do Executivo coa Asociación Española contra o Cancro polo que a Tesourería da Seguridade Social cede o uso dun local da súa propiedade a esta entidade. O acordo foi asinado polo director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella.
A subdelegada do Goberno explicou que “esta colaboración vai permitir que a AECC, que está a facer un labor moi importante en toda a provincia de Lugo, poida prestar en mellores condicións a súa axuda a doentes de canco e aos seus familiares”.
O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social explicou que se trata de “garantir a utilidade social do patrimonio, neste caso un local que foi sede no seu día do Instituto Social da Mariña e leva tempo baleiro”.
Pola súa parte, a presidenta provincial da asociación amosou o seu agradecemento poa cesión do uso do local, que está situado no Carril dos Loureiros. “Estou moi contenta e moi agradecida porque esto vai beneficiar moito ás persoas que acuden a nós para recibir apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria”, manifestou.
A Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social aprobou en setembro a cesión do uso do local propiedade da Tesourería da Seguridade Social, que se fai por un período de 3 anos. Unha vez asinado o documento, a entrega do inmoble farase efectiva nos próximos días.