A TIC da Deputación contribuirá a preservar a cultura pesqueira do Concello de Viveiro coa elaboración de audiovisuais que formarán parte de Vivemar, o proxecto sociocultural que promove o Goberno viveirense para a promoción e divulgación dos valores do mar e dos ríos deste municipio da Mariña, prestando especial atención á memoria das persoas vivas. O Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Concelleiro do Mar, Jesús Fernández Fernández, acompañados por Lucas Requejo de Vivemar, presentaron este xoves esta colaboración, pola que a TIC gravará a testemuña dos protagonistas en primeira persoa.
Campos Conde anunciou que “esta colaboración arranca coa entrevista a Paco Alonso, armador e patrón de 94 anos que é todo un referente no porto de Celeiro”. O máximo responsable provincial dixo que “ninguén mellor que este viveirense para contarnos como evolucionou Viveiro no último século. A través da súa experiencia vital e profesional de case cen anos podemos coñecer a transformación do sector pesqueiro e da propia sociedade viveirense. O audiovisual incluirá documentación gráfica e recollerá termos en desuso, como tipos de artes de pesca, entre outros”.