A Fundación TIC da Deputación colabora por quinto ano consecutivo co Concello da Fonsagrada na promoción da Ruta dos Lobos, que este ano se celebra o sábado, 7 de abril, coa participación da Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié. O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, dixo que “nos sumamos a esta proba cicloturista coa elaboración de audiovisuais e reportaxes para contribuír á posta en valor do excepcional patrimonio cultural e paisaxístico da bisbarra fonsagradina e á dinamización do noso rural”.
Durante a presentación Santos Ramos estivo acompañado polo Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o técnico de deportes, Enrique Fernández e o animador deportivo, Silván Palmeiro, nun acto no que se proxectou o audiovisual da ruta do ano pasado elaborado pola TIC.
O patrón da Fundación afirmou que “este é un exemplo máis de cooperación cos Concellos e de apoio ao tecido asociativo da provincia, neste caso, á Asociación Deportiva Fonsagrada Balompié, unha organización formada basicamente por mozos fonsagradinos, que son a mellor garantía de futuro do noso rural. Iniciativas coma esta xeran riqueza , directa e indirecta, e promoven un turismo sustentable”.