Xornada de Pleno na Deputación Provincial de Lugo na que se aprobou coa abstención do PP, a disolución da Fundación TIC e a súa integración na Deputación. Faise, baixo as condicións aprobadas polos traballadores da TIC que pasarán a formar parte da plantilla da institución provincial. A esta proposta, presentada polos socialistas, se lle engadiu unha enmenda do PP coa que se acordou a plena equiparación das condicións laborais e salariais destes traballadores cos empregados públicos da Deputación. Como explicou o voceiro provincial, Álvaro Santos, este é un paso máis na disolución da TIC que agora deberá aprobarse no seo da Fundación.
Ante esto, o deputado non adscrito, Manuel Martínez, afirmou que antes de levar a cabo a integración da TIC na Deputación, deberíase redefinir as labores do persoal para que deixe de ser “propaganda do Secretario Xeral Socialista”.
“Como hoxe non trouxemos os letreiros de Espazo Libre de Manipulación pois probablemente se normalice a situación, pero coincido co PP, hai que redefinir e mirar como actua e que fai a Fundación TIC, non pode ser un elemento de honra e gloria, ata nin para o Presidente, que sería o lóxico, senón que se usa de forma partidaria para promocionar ao Secretario Xeral, que debe necesitar moita promoción”, criticou Martínez.
Neste mesmo eido falaba a popular, Elena Candia, reclamando que a TIC non se convirta nunha “axencia de comunicación do goberno socialista” e pediu que se aclarasen certas condicións que afectan ao persoal. “Non dubidamos da vosa boa fé, aínda que temos mostras de que as veces non existe, pero nós temos que votar o que hai aquí, e temos que ler o que nos aporta. Se eso non se explica ben, podemos incurrir en irregularidades por non explicalo ben”, expresou Candia quen pediu que “non costaba nada que se aclarasen certos apartados”.
“Coa nosa engádega, polo menos queda claro que se somete a este pleno a proposta que realmente piden os traballadores, sendo xa de por si , unha proposta ambigua, case un cheque en blanco ao goberno”, criticou a popular quen lle preguntou a Santos Ramos se non vía relevante para os traballadores “que a integración do persoal sexa vinculada a unha disposición adicional, ou a unha rebaixa no salario, ou a que realmente non cambie nada? Parécelle realmente serio que todo iso non se concrete cando se somete a votación nun pleno?”.
Os populares facilitaron coa súa abstención que saíse aprobada esta moción que achega un pouco máis á Fundación TIC á súa integración definitiva dentro da Deputación.