A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións ( UMAR) volverá colocarse o vindeiro martes 5 de xuño na entrada do Hospital da Mariña en horario de 11 a 13 horas, seguindo co programa que ven desenvolvendo desde hai tres meses , consistente en acudir ao hospital o primeiro martes de cada mes.
A mesa informativa que se colocará na entrada principal do hospital terá como obxectivo informar a profesionais e usuarios de todas aquelas dúbidas que poideran ter en relación á asistencia sanitaria, derivacións cara a outros centros públicos ou privados, tempos de agarda excesivos para consultas , probas diagnósticas ou intervencións, incumprimentos da nova lei de garantías sanitarias ou calquera outra cuestión que desexen consultar. Tamén se prestará axuda na redacción de reclamacións e no rexistro das mesmas.
A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca e anima a todos aqueles vecinos e veciñas da Mariña que así o desexen ou precisen a achegarse a entrada do hospital desde as 11 horas ate as 13horas onde se informará sobre todas estas cuestións e se lles prestará toda a axuda que precisen.
A UMAR comeza xa a ser un referente para os usuarios da Mariña, que ven nesta estrutura unha resposta ou saída ás súas queixas e dúbidas ao tempo que se consolida como unha unidade de escoita activa e empática dos problemas sociosanitarios das mariñás e mariñaos que son moitas veces desoídos pola administración .