A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) volverá colocarse o vindeiro mércores 2 de marzo na entrada do Hospital da Mariña en horario de 11 a 13 horas, despois da “ parada técnica” de preto de dous anos pola pandemia e tras unha primeira toma de contacto o pasado 15 de febreiro no centro de saúde de Viveiro.
A mesa informativa que se colocará na entrada principal do hospital terá como obxectivo informar a profesionais e usuarios de todas aquelas dúbidas que poideran ter en relación á asistencia sanitaria, derivacións cara a outros centros públicos ou privados, tempos de agarda excesivos para consultas , probas diagnósticas ou intervencións, ou calquera outra cuestión que desexen consultar.Tamén se prestará axuda na redacción de reclamacións e no rexistro das mesmas.
A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca e anima a todos aqueles vecinos e veciñas da Mariña que así o desexen ou precisen a achegarse a entrada do hospital desde as 11 horas ate as 13horas, onde se informará sobre todas estas cuestións e se lles prestará a axuda coas súas reclamacións.