O Tribunal de Xustiza da Unión Europea volve corrixir ao Tribunal Supremo español en temas bancarios. O pasado 16 de xullo o TXUE pronunciouse sobre a cláusula de gastos hipotecarios (notaría, xestoría, rexistro, taxación e impostos) e tamén en relación coas comisións de apertura e as costas dos procedementos xudiciais.
A esperada sentenza determina que o consumidor ten dereito, unha vez que a cláusula contractual sexa considerada abusiva, á devolución íntegra de todo o pagado en concepto de gastos hipotecarios, salvo o imposto de actos xurídicos documentados.
Na mesma sentenza o TXUE pronunciase sobre a comisión de apertura dunha hipoteca estipulando que dita comisión non pode considerarse unha prestación esencial dun préstamo hipotecario polo mero feito de que a comisión estea incluída no custe total deste. Isto deixa a porta aberta á nulidade da cláusula por abusiva sempre e cando non sexa o suficientemente transparente ou non estea debidamente xustificada. A entidade debe demostrar que o cobro desta cláusula corresponde a uns servizos concretos e efectivamente concedidos ao cliente.
Así mesmo o TXUE fai fincapé en que se unha persoa consumidora obtén a nulidade da cláusula e lle son restituídos os gastos derivados da mesma, é abusivo que se lle impoñan parte das costas do xuízo. Desde esta entidade constatouse que houbo moitas persoas afectadas que non iniciaron un proceso xudicial por mor de que os gastos do procedemento chegasen mesmo a ser superiores ás contías reclamadas. UCGAL sempre considerou que o feito de non impoñerse ás costas xudiciais ás entidades financeiras supuña unha barreira disuasoria para que a persoa consumidora exercese o seu dereito a un control xudicial real e efectivo do carácter potencialmente abusivo das cláusulas contractuais.
O prazo para poder levar adiante este proceso podería pecharse en outubro deste ano, así que desde UCGAL animan ás persoas afectadas pola cláusula abusiva dos gastos hipotecarios a presentar a súa reclamación canto antes. Esta asociación de consumidores mantén un convenio asinado coa Xunta de Galicia polo cal atende e asesora gratuitamente en cuestións de servizos financeiros a toda aquela persoa que o requira. A Unión de Consumidores de Galicia anima ás persoas afectadas a informarse e asesorarse.
Esta nova chamada de atención aos tribunais españois por parte de Europa dá conta da importancia que ten contar cun sistema de control da claridade e comprensibilidade das cláusulas nos contratos de servizos financeiros. Cómpre reclamar non só a devolución das cantidades cobradas indebidamente senón tamén a consolidación dun sistema de control óptimo, fiable e forte que garanta os dereitos das persoas consumidoras no ámbito dos servizos financeiros.