A Unión de Consumidores denuncia a emisión de facturas de Movistar por liñas canceladas

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vén de denunciar, mediante un comunicado aos medios, a situación na que se viu un dos seus asociados. A compañía telefónica Movistar, coa que operara nun pasado, seguíalle a cobrar un servizo que xa non tiña contratado o cliente. A empresa reclamáballe, así, o pago de varios recibios despois de cancelar tres liñas, unha fixa e dúas móbiles, que tivera contratadas.

Movistar esixíalle, a través dunha empresa de xestión de cobros e baixo a ameaza de emprender un proceso xudicial, corenta euros por cada liña cancelada meses atrás. O operados aseguráballe ao cliente que una vez amortizada a contía non se lle reclamarían máis recibos. De todos os xeitos, e a pesares de que o cliente si fixo ese pagamento, a compañía telefónica volveulle a emitir unha nova factura, esta vez de 34 euros. 

En vistas a solucionar a problemática deste asociado, UCGAL contactou coa compañía telefónica e verificou que non se chegara a tramitar a cancelación de ningunha das liñas móbiles, figurando unha delas de baixa por falta de pago. Unha vez aclarado este punto, a plataforma de consumidores solicitou a Movistar o rrembolso dos cartos que o cliente tivera que pagar, a cancelación da última factura, a eliminación dos seus datos en empresas de xestión de cobros e ficheiros de morosos, así como unha compensación económica polas molestias ocasionadas.

A intervención da UCGAL propiciou que o operador fixera finalmente efectiva a baixa das dúas liñas móbiles, reembolsase os importes cobrados indebidamente e desistise na emisión de novas facturas. 

Casos como o exposto están á orde do día; periodicamente, chegan á UCGAL decenas de consultas e reclamacións relacionadas co eido da telefonía, tanto fixa como móbil. Por iso, segundo recomenda a Unión de Consumidores, á hora de cancelar un contrato cun operador debemos solicitar sempre unha comunicación efectiva do proceso en cuestión, xa sexa unha carta certificada, un correo electrónico ou un audio que dea conta da solicitude de baixa por parte da persoa consumidora e da aplicación da mesma por parte do operador. Así mesmo, recoméndase prestar especial atención ás facturas recibidas nos vindeiros meses para asegurarse de que se realizou a anulación do servizo e, de non ser así, solicitar asesoramento nas entidades de consumo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com