A USC acolle o primeiro dos actos do 25N: unhas xornadas contra a violencia sexual entre a mocidade

A Xunta celebrou hoxe na Universidade de Santiago de Compostela a primeira das xornadas de sensibilización contra a violencia sexual na mocidade, que levará aos sete campus universitarios nos próximos días, no marco do amplo programa de actividades que o Goberno está a despregar en con motivo da conmemoración o 25 de novembro, do Día internacional contra a violencia de xénero.

A sesión, na que tomaron parte máis de medio centenar de persoas, celebrouse no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación e contou coa participación de Susana López Abella, secretaria xeral da Igualdade; da educadora social e experta en violencia de xénero, Marina Marroquí; e os investigadores Jorge García Marín, Pablo Soto Casás, María Curros Espiño e Naila Neves.

Estas xornadas terán a súa réplica nos próximos días nos campus de Ourense (10 de novembro), Ferrol (11 de novembro), Pontevedra (17 de novembro), A Coruña (18 de novembro), Lugo (23 de novembro) e Vigo (24 de novembro).

As xornadas de sensibilización e prevención da violencia sexual contra a mocidade, que cumpre a súa terceira edición, enmárcanse na campaña autonómica Agresión Off, eu digo non á violencia sexual, e inclúe charlas divulgativas impartidas tanto por persoal experto nesta materia como docentes das unidades de igualdade das tres universidades.

A inscrición para participar nesta iniciativa é gratuíta e se pode realizar 48 horas antes da celebración de cada xornada a través da páxina web www.xornadasagresionoff.gal. Ao remate entregarase un diploma acreditativo de asistencia ás persoas participantes.

Con estas sesións, preténdese sensibilizar á poboación máis nova acerca da violencia sexual, considerada como forma de violencia de xénero na lei galega para a súa prevención e tratamento integral, e que leva a dianteira ao  marco estatal con este recoñecemento.

Ademais destas xornadas, o Goberno galego preparou un amplo programa de actividades co gallo do 25-N, que inclúe, entre outras, actividades de formación nos concellos e nos centros de información á muller (CIM). Un total de 189 concellos participarán en diferentes actividades como exposicións, obradoiros e charlas, entre outros, que se desenvolverá ata finais de ano. En total, ofértanse 12 actividades diferentes baixo un mesmo obxectivo: loitar contra a violencia de xénero.

A formación nos CIM distribuirase, pola súa banda, en catro xornadas formativas sobre atención psicolóxica, servizos xurídicos, novas formas de violencia de xénero e planificación e programación de accións en materia de igualdade para 2022. Solicitaron participar nesta actuación preto de 130 persoas traballadoras dos centros de información á muller.

A Xunta, doutra banda, mantén aberto ata o 15 de novembro o prazo da convocatoria do concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido aos centros de educación non universitarios. A páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade recolle as bases da convocatoria coa que se pretende enviar unha mensaxe rotunda do non á violencia de xénero e contribuír a que se faga unha reflexión ao respecto.

Outras iniciativas que a Xunta desenvolverá nos próximos días para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público (18 e 19 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago), o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro en Santiago de Compostela) ou a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema Camiño ao respecto se converterá, un ano máis, nun dos actos centrais de sensibilización e rexeitamento da sociedade a esta lacra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com