A USC bota a andar a VI edición do Campus Internacional de Verán XuvenCiencia

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu esta mañá, na Facultade de Veterinaria, o acto inaugural da VI edición do Campus de Verán XuvenCiencia, no que tamén tomaron parte a coordinadora deste programa impulsado ao abeiro do Campus Terra da USC, Mercedes Novo; o Secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Xosé Daniel Piñeiro Villares; e a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo.

Tralo acto inaugural, as profesoras da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Ana Isabel García Arias (Economía Aplicada) e Ana Daría Ruiz González (Enxeñaría Agroforestal) impartiron a charla divulgativa Unhas pinceladas sobre os incendios forestais en Galicia á que lle seguiu un debate no que se incentivou a participación do alumnado.

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato que se estenderá ata o venres 6 de xullo, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer a 150 estudantes preuniversitarios os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus Terra, así como nos seus centros adscritos.

Ademais, a VI edición do Campus Científico Internacional de Verán Xuvenciencia pechou este ano a mellor preinscrición da súa historia con 264 alumnos solicitantes de praza. As distintas actividades incluídas no XuvenCiencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría.

As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras, e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

Polas tardes, o alumnado do programa desenvolverá distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 29 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde para todos os estudantes e noite para os estudantes aloxados.

O estudantado que tome parte en XuvenCiencia Lugo terá a ocasión de ser protagonista de diversos proxectos científicos, técnicos e sociais que versan sobre áreas de coñecemento moi diversas. Así, as propostas feitas polo Campus Terra da USC para este nova edición do campus abranguen un abano temático moi amplo que vai desde a análise das proteínas do leite e o iogur, crea o teu anuncio publicitario, xogando a ser xuíces ou prácticas clínicas veterinarias, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com